Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA LICITA HOXE AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DE CINCO INMOBLES NO CONXUNTO HISTÓRICO DE BETANZOS, CUN INVESTIMENTO DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS

- O prazo de execución das obras será de 12 meses e as empresas interesadas dispoñen ata o vindeiro 3 de abril para a presentación de ofertas
- Os inmobles obxecto das actuacións, propiedade da Xunta, están emprazados nas rúas Cerca 45, 47 e 49, rúa Nova 75 e rúa da Torre 17
- Actualmente outros tres inmobles xa están en rehabilitación e proximamente se licitarán as obras doutros tres
- Ao longo de 2018 a Xunta terá en rehabilitación 11 inmobles do conxunto histórico de Betanzos, cun investimento próximo aos tres millóns de euros
- O Goberno galego investirá 500.000 euros na adquisición de novos inmobles para rehabilitar


Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de rehabilitación de cinco inmobles no conxunto histórico de Betanzos, cun investimento de preto de 1,2 millóns de euros. Os inmobles están emprazados nas rúas Cerca 45, 47 e 49, rúa Nova 75 e rúa da Torre 17.

O prazo de execución das obras será de doce meses en todos os casos e as empresas interesadas en concorrer á licitación dispoñen de 26 días para a presentación de ofertas, é dicir, ata o vindeiro 3 de abril. No seguinte enlace ao DOG, máis información: https://goo.gl/KvqMwX

A rehabilitación destes cinco inmobles únese á dos tres que xa están en obras e a outros tres que se licitarán proximamente, de maneira que este ano estarán en rehabilitación os once inmobles actualmente propiedade da Xunta no conxunto histórico de Betanzos.

Na rúa Cerca, a Xunta rehabilitará os inmobles emprazados nos número 45, 47 e 49, cun investimento de 667.353,15 euros.

No número 45 obterase unha vivenda de tres dormitorios, con dous baños. No número 47 resultará unha vivenda de un dormitorio e no número 49 haberá unha vivenda de dous dormitorios.

Na rúa Torre rehabilitarase o inmoble situado no número 17, cun investimento de 225.640,20 euros, dando lugar a unha vivenda de tres dormitorios.

Na rúa Nova actuarase no número 75, cun investimento de 297.143 euros, resultando dúas vivendas de un dormitorio cada unha.

Outras actuacións
Ás licitacións publicadas hoxe uniranse proximamente as correspondentes á rehabilitación dos inmobles emprazados nos números 3, 4 e 6 da rúa Cortaduría, nos que o investimento superará o medio millón de euros.

Ademais, xa están en rehabilitación tres inmobles, nos números 9 e 13 da rúa Cerca e no 13 de Clérigos, nos que está a investir mías de un millón de euros.

En total, en 2018 a Xunta terá once inmobles en rehabilitación no conxunto histórico de Betanzos cun investimento próximo aos tres millóns de euros.

Por outra parte, o Executivo autonómico destinará 500.000 euros á adquisición de inmobles para rehabilitar no conxunto histórico de Betanzos a través dunha oferta pública realizada no pasado mes de xaneiro. Os propietarios interesados en venderlle os seus inmobles á Xunta poden presentar as súas ofertas ata o 22 de abril próximo.