Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, visitou hoxe estes inmobles que van ser rehabilitados

ETHEL VÁZQUEZ DESTACA QUE A REHABILITACIÓN DAS CASAS DOS MESTRES EN CUALEDRO, CUN INVESTIMENTO DE 360.000 EUROS, PERMITIRÁ PÓR A DISPOSICIÓN DOS VECIÑOS 5 VIVENDAS PROTEXIDAS EN ALUGUEIRO

- Vázquez Mourelle explica que o Goberno galego achegará o 86 % do investimento destas actuacións que proporcionarán estes inmobles con 3 dormitorios e 73 metros cadrados
- O Concello de Cualedro prevé licitar e executar as obras neste mesmo ano
- Estas actuacións están enmarcadas na estratexia de rehabilitación da Xunta, como vía para facilitar o acceso á vivenda, para potenciar o rural, e xerar emprego
- A conselleira lembra que o ano pasado a Xunta adxudicou axudas para rehabilitar 16 vivendas de mestres, 7 na provincia de Ourense, e está aberta a convocatoria deste ano, de case 1M€, para continuar a recuperar estas edificacións
- Pon Cualedro como exemplo da colaboración entre administracións para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e anima a que outros concellos se acollan a estas axudas


Cualedro (Ourense), 30 de xaneiro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, visitou hoxe as vivendas dos mestres deste municipio, que se van rehabilitar cun investimento de 360.000 euros, para poñer a disposición dos veciños que máis o precisen 5 novas vivendas protexidas en alugueiro, con 3 dormitorios e 73 metros cadrados.

Segundo espuxo o alcalde, o Concello de Cualedro prevé licitar e executar as obras neste mesmo ano 2018.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta achegará o 86 % do investimento a través das ordes de axuda de mellora da eficiencia enerxética das vivendas propiedade dos concellos e a recentemente creada subvención para rehabilitación das vivendas de mestres.

A titular de Vivenda destacou este caso como un bo exemplo de cómo o entendemento entre as administracións públicas facilita unha mellor oferta de servizos públicos para os cidadáns. Concretou que é unha tarefa especialmente importante cando se trata dunha materia tan necesaria e de relevancia social como o dereito a unha vivenda digna.

Este edificio de Cualedro está en estado de abandono, pero estruturalmente permite o seu aproveitamento cun custe inferior ao que suporían unhas vivendas de nova construción. Gracias a esta iniciativa, Cualedro poderá contar con novas vivendas protexidas para alugar ás familias que o necesiten.

Estas actuacións están enmarcadas no Programa do Goberno Galego situado na Estratexia de Rehabilitación, cun triplo obxectivo: social, polo que supón para dar facilidades de acceso á vivenda; potenciación e desenvolvemento do rural, porque esta liña de axudas vai destinada a concellos de menos de 20.000 habitantes, para fixar poboación no rural; e económica e ambiental, porque a rehabilitación é unha iniciativa máis sostible ademáis de xerar más emprego por millón de euros.

En concreto, o ano pasado a Xunta adxudicou axudas para rehabilitar 16 vivendas de mestres, 7 delas na provincia de Ourense, e xa está aberta a convocatoria de axudas deste ano, de case 1M€, que permitirá continuar na recuperación deste tipo de edificacións en Galicia.

A conselleira animou a que outros concellos se acollan a estas axudas, polo que significan dende o punto de vista social, de desenvolvemento do rural e económico e ambiental.