Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda supervisou hoxe as obras da 1ª fase da mellora da estrada que une Cerdedo- Cotobade con Ponte Caldelas (PO-234), entre Portasouto e Augasantas, que estarán finalizadas no verán mediante a achega dun orzamento duns 700.000 euros

ETHEL VÁZQUEZ DESTACA QUE A XUNTA ESTÁ A INVESTIR CASE 1 MILLÓN DE EUROS EN ACTUACIÓNS PARA A MELLORA DE SEGURIDADE VIARIA E A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS NO CONCELLO DE CERDEDO- COTOBADE

- O Goberno galego está a executar o acondicionamento dun tramo de 2,7 km da PO-234, o máis próximo ao núcleo de Augasantas, que beneficia aos dous concellos, aínda que a meirande parte transcorre polo de Cerdedo-Cotobade
- Os traballos permitirán anchear a estrada e reforzar a seguridade nas interseccións, construíndo cunetas de seguridade e habilitando unha senda peonil, na parte final da actuación
- Vázquez Mourelle explicou que se elevará proximamente ao Consello da Xunta o decreto expropiatorio para a 2ª fase de mellora, entre o fin da travesía de Ponte Caldelas e Laxoso, co fin de licitala neste 1º semestre por uns 650.000 euros
- En canto ao terceiro treito que resta para completar a mellora da PO-234, a conselleira salientou que neste ano 2018 se traballará na redacción do proxecto
- Indicou que a Xunta continúa traballando para mellorar a calidade de vida dos veciños, polo que en cuestión de días tamén comezará a rehabilitación de dúas antigas casas de mestres, cun investimento de 330.000 euros


Cerdedo- Cotobade (Pontevedra), 26 de xaneiro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe o Concello de Cerdedo- Cotobade, no que a Xunta está a investir case 1 millón de euros en actuacións de mellora de seguridade viaria e de rehabilitación de vivendas.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-234, entre Portasouto e Augasantas, cun investimento de preto de 700.000 euros, que estarán rematadas no verán.

Trátase dunha primeira fase da actuación de acondicionamento da vía entre Cerdedo- Cotobade e Ponte Caldelas (PO-234), que se corresponde cun tramo de 2,7 km, o máis próximo ao núcleo de Augasantas, que beneficia aos dous concellos, aínda que a meirande parte transcorre polo de Cerdedo-Cotobade.

Os traballos que se están a realizar permitirán anchear a estrada e reforzar a seguridade nas interseccións. Ademais, construiranse cunetas de seguridade, onde sexa preciso, e habilitarase unha senda peonil, na parte final da actuación, para garantirlle aos veciños que se desprazan a pé unha mobilidade segura no núcleo de Augasantas.

Vázquez Mourelle explicou que simultaneamente a Xunta continúa a traballar na segunda fase, no treito de 2 km que vai desde o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada de Laxoso.

As actuacións neste treito, que discorre integramente polo termo municipal de Ponte Caldelas, inclúen a ampliación da estrada, a mellora de curvas e tamén o reforzo da seguridade viaria nas interseccións.

A conselleira sinalou que actualmente o proxecto está en supervisión para elevar nas próximas semanas ao Consello da Xunta o decreto de utilidade pública e urxente ocupación para a súa aprobación. Precisou que isto permitirá, a continuación, asinar co concello de Ponte Caldelas o convenio de expropiacións e licitar as obras, que suporán un investimento de arredor de 650.000 €, neste primeiro semestre do ano. En canto ao terceiro treito que resta para completar a mellora da PO-234, salientou que neste ano 2018 se traballará na redacción do proxecto.

O Goberno galego tamén está a traballar na mellora da PO-230, que vai a Campo Lameiro, pois o proxecto está en supervisión e prevese licitar a obra neste primeiro semestre de 2018.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta segue apostando polo impulso de actuacións que melloren a calidade de vida dos veciños, neste caso de Cerdedo- Cotobade. Neste sentido, lembrou que o seu departamento xa adxudicou e asinou o contrato das obras de rehabilitación de dúas antigas casas de mestres, que comezarán en cuestión de días, cun investimento de 330.000 euros.

Estas obras en materia de vivenda están enmarcadas no proxecto de rehabilitación de 10 vivendas de mestres que o Goberno galego está a impulsar neste municipio pontevedrés.