Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto coa alcaldesa de Melide, Dalia García, visitou hoxe este concello, no que o Goberno galego está a investir 680.000 euros na mellora de 43 inmobles de promoción pública

ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE A XUNTA INICIA HOXE A CONTRATACIÓN DA 2ª FASE DAS OBRAS DE REHABILITACIÓN DE 23 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA DA RÚA JOSÉ CÁNDIDO ARES, EN MELIDE, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 426.000 EUROS

- Vázquez Mourelle explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos que teñen como obxectivo facer os inmobles máis eficientes desde o punto de vista enerxético e tamén máis sustentables
- Sinalou que en abril se licitaron as obras correspondentes a unha 1ª fase, en 20 vivendas de promoción pública, nos bloques 4, 5 e 6, que se adxudicarán en setembro para inicialas a continuación e telas rematadas a principios de 2018
- A Xunta continúa coa aposta pola rehabilitación, a través de programas como o consistente en actuacións en vivendas da súa propiedade, ao que este ano se destinan de 1,5 millóns de euros para 238 vivendas
- A titular de Vivenda destacou que no marco deste programa, neste momento, están adxudicados, por exemplo, os traballos de mellora da eficiencia enerxética en 116 vivendas de Santiago

Melide (A Coruña), 5 de setembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa de Melide, Dalia García, visitou hoxe este concello, onde salientou que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a licitación da segunda fase das obras de rehabilitación de 23 vivendas de promoción pública da rúa José Cándido Ares, por un investimento de máis de 426.000 euros.

Vázquez Mourelle explicou que estes traballos forman parte do proxecto de rehabilitación e mellora de 43 vivendas de promoción pública construídas pola Xunta en Melide, no que se están a investir 680.000 euros.

Precisou que estas obras teñen como obxectivo facer os inmobles máis eficientes desde o punto de vista enerxético e tamén máis sustentables desde o punto de vista medioambiental.

Estas actuacións desenvolveranse en dúas fases e consistirán, fundamentalmente, no illamento térmico das fachadas destes dous edificios e que teñen como obxectivo mellorar, a lo menos nun 20%, a súa eficiencia enerxética.

No mes de abril licitáronse xa as obras correspondentes a unha 1ª fase, en 20 vivendas de promoción pública, nos bloques 4, 5 e 6. Neste mes de setembro, está prevista a adxudicación destes traballos para inicialos, unha vez asinado o contrato, xa que teñen un prazo de execución de tres meses, polo que estarán rematadas a principios de 2018.

A Xunta continúa coa súa aposta decidida pola rehabilitación, a través de distintos programas, como o consistente en actuacións directas do IGVS en vivendas da súa propiedade, financiado con fondos Feder, ao que este ano se destinan arredor de 1,5 millóns de euros para 238 vivendas. Así, no marco deste programa, neste momento, están adxudicados, por exemplo, os traballos de mellora da eficiencia enerxética en 116 vivendas de Santiago.