Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINA 600.000 EUROS A AXUDAS PARA A OBTENCIÓN DO INFORME DE AVALIACIÓN DE EDIFICIOS

§  O informe é obrigatorio para solicitar axudas públicas en materia de rehabilitación para os edificios residenciais colectivos segundo establece o Real decreto lexislativo 7/2015

§  O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir de mañá

 

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017 .- A Xunta de Galicia destinará este ano 600.000 euros a axudas á obtención do informe de avaliación do edificio, tal como establece a resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia e pola que se convocan ditas subvencións.

 

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: goo.gl/MlyZWv

 

O informe de avaliación, nos termos establecidos na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, é un requisito necesario para solicitar axudas públicas destinadas a acometer obras de conservación, accesibilidade universal ou eficiencia enerxética en edificios de tipoloxía residencial colectiva, dispoñer de dito informe de avaliación no momento de solicitar as axudas de rehabilitación.

 

Poderán beneficiarse destas axudas as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios, legalmente constituídas, así como as persoas físicas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial, que no momento da solicitude da axuda xa conten co informe de avaliación do edificio e cumpran os requisitos establecidos.

 

A contía da subvención será de 20 euros por cada unha das vivendas das que conste o edificio e 20 euros por cada 100 m2 de superficie útil de local, sen que en ningún caso poida superar a cantidade de 500 euros, nin o 50% do custo do informe de avaliación do edificio, excluído o IVE correspondente.