Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA LICITA OBRAS NO PARQUE EMPRESARIAL DE MORÁS, EN ARTEIXO, POR MÁIS DE 3,7 MILLÓNS DE EUROS

§  Súmanse ás obras xa adxudicadas a finais de abril por máis de 821.000 euros

 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017 .- A Xunta de Galicia vén de licitar a execución da obra de explanación dunha plataforma e execución do viario de acceso á mesma do parque empresarial de Morás. A empresa pública Xestur, promotora do parque empresarial, licitou esta obra por importe de 3.724.338,93 euros e un prazo de execución da mesma de catro meses.

( http://www.xesturgalicia.com/index.php?seccion=inicio&opcion=ver_pliego&id=34 )

 

A obra consistirá na explanación da plataforma K-3, a única zona que aínda non está explanada no parque empresarial e que ten unha superficie de máis de 105.000 metros cadrados. A necesidade de efectuar voaduras para a explanación da parcela obriga a realizar as obras antes de que as empresas comecen a asentarse no parque empresarial, xa que a presenza de construcións no mesmo dificultaría a realización de ditas voaduras.

 

Ademais da explanación da plataforma K-3, a obra licitada prevé a execución do Eixo 0, que permitirá o acceso á K-3 e a circulación de maneira ordenada e en condicións axeitadas de seguridade polo ámbito unha vez se inicien as obras de urbanización interior do parque empresarial. Asemade, permitirá o acceso para a instalación da subestación eléctrica que dará servizo ao parque empresarial.

 

Obra contratada

Por outra parte, o 28 de abril Xestur adxudicou a execución da obra de acondicionamento da estrada DP-0512, que constitúe o eixo principal do parque empresarial de Morás ao coincidir co viario V-5 do parque empresarial. A obra foi adxudicada por importe de 821.989,80 euros e un prazo de execución de 10 meses.

 

A obra consistirá na execución dunha nova calzada que substituirá á estrada DP-0512 ao seu paso polos terreos do parque empresarial, para o que será necesario realizar un desvío provisional para poder actuar ao longo de toda a traza da estrada. Ao mesmo tempo e co obxectivo de afectar o mínimo posible á calzada e ao tráfico da estrada cando se realice a urbanización interior do parque, contémplase xa a execución do movemento de terras das glorietas previstas e a execución dos cruces de servizos previstos nas obras de urbanización.

 

Por outra parte, tamén se adxudicou o control de calidade desta obra por importe de 12.567,36 euros máis IVE.