Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o alcalde, Jesús Vázquez, supervisou hoxe o inicio das obras de 8 novas vivendas sociais na rúa Alejandro Pedrosa

ETHEL VÁZQUEZ AVANZA QUE A XUNTA INVESTIRÁ ESTE ANO 2,4 MILLÓNS DE EUROS EN OBRAS DE REHABILITACIÓN E CONSTRUCIÓN DE 16 VIVENDAS SOCIAIS EN OURENSE

§  Os traballos que comezan hoxe na rúa Alejandro Pedrosa, cun investimento de case 800.000 euros, permitirán ofrecer inmobles con alugueiros asequibles a 8 familias de Ourense 
§  Trátase de vivendas duns 80 m2, con 3 dormitorios, garaxe e rocho e acabados de calidade, que a principios de 2019 estarán a disposición das familias 
§  Vázquez Mourelle tamén visitou o arranque da rehabilitación do edificio na rúa Vilar, 1, que cun investimento de 400.000 euros, ofrecerá dúas vivendas públicas, dúplex duns 90 m2 e tres habitacións, destinados a alugueiros sociais 
§  Avanza que no verán se contratará a rehabilitación do número 14 da rúa Cervantes e o edificio Vilar, 3 e 5, ás que se destinarán case 1 millón de euros 
§  Subliña que a Xunta, con estas accións, aposta pola recuperación dunha zona emblemática en Ourense e traballa co afán de crear máis vivenda protexida para garantir un fogar digno ás familias con menos recursos 

 

Ourense, 21 de abril de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o alcalde, Jesús Vázquez, supervisou hoxe o inicio das obras de 8 novas vivendas sociais na rúa Alejandro Pedrosa, onde salientou que o Goberno galego investirá este ano 2,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación e construción de 16 vivendas sociais en Ourense.

 

Vázquez Mourelle indicou que estas actuacións que hoxe comezan, cun investimento de preto de 800.000 euros, permitirá ofrecer vivendas con alugueiros asequibles a 8 familias de Ourense. Precisou que se trata de inmobles duns 80 m2, con 3 dormitorios, garaxe e rocho e acabados de calidade. O prazo de execución previsto é de 21 meses polo que a principios de 2019 estarán a disposición das familias.

 

Este proxecto está contido no Plan Rehavita da Xunta, que plantexa como prioritaro a construción de vivendas sociais nas grandes cidades de Galicia. No marco deste plan tamén se atopan as obras de rehabilitación do edificio situado na rúa Vilar, 1, que hoxe supervisou a conselleira. Neste caso, os traballos, cun investimento de máis de 400.000 euros, posibilitarán ofrecer outras dúas vivendas públicas, dúplex duns 90 m2 e tres habitacións que destinaremos tamén a alugueiros sociais.

 

A titular de Vivenda salientou que estas actuacións demostran a determinación do Goberno galego por ofrecer fogares dignos a quen máis o necesita. Neste sentido, avanzou que no verán contratarase a rehabilitación do número 14 da rúa Cervantes e o edificio Vilar, 3 e 5, ás que se destinarán case 1 millón de euros.

 

O Executivo autonómico está a apostar pola conservación e a revitalización da cidade de Ourense co obxectivo de recuperar unha zona tan emblemática para o desfrute de todos os veciños. Ademais, a Xunta traballa co afán por crear máis vivenda protexida para garantir un fogar digno ás familias con menos recursos.