Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA LICITA AS OBRAS DE REPARACIÓN DE NOVE VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN FERROL POR UN IMPORTE DE MÁIS DE 142.000 EUROS

§  Realizaranse arranxos interiores coa fin de poñer as vivendas en bo estado de uso e adxudicalas a través do Rexistro de Demandantes

§  Estes inmobles están emprazados nas rúas Prado, Mestre López Dafonte, Fonte do Piñeiro e Mourel

§  O Goberno galego tamén publica hoxe no DOG a licitación de obras destinadas á mellora da eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública en Melide

 

Santiago, 18 de abril de 2017 .- A Xunta destinará máis de 142.000 euros á execución de obras de reparación en vivendas de promoción pública e edificios propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda na cidade de Ferrol. O prazo de execución é dun mes, excepto en dúas vivendas en que se amplía ata mes e medio.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Resolución pola que se licitan ditas obras en nove vivendas emprazadas nas rúas Prado, Mestre López Dafonte, Fonte do Piñeiro e Mourel. Para obter máis detalles pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/3vb5xJ .

 

Ao tratarse de vivendas que xa estiveron ocupadas, as obras consistirán na adecuación das mesmas para que volvan ser adxudicadas, e afectarán a elementos interiores como paredes e tabiques, pavimentos, baños, etc.

 

En total realizaranse obras de reparación en nove vivendas, que serán adxudicadas a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda.

 

O Goberno galego tamén publica hoxe a licitación de obras destinadas á mellora da eficiencia enerxética en vivendas de Melide. Todas son vivendas de promoción pública construídas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.