Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICARÁ UNHA VIVENDA EN VIGO A PERSOAS EN SITUACIÓN DE EMERXENCIA SOCIAL

§  A vivenda foi cedida ao Goberno galego por Caixabank ao IGVS para alugueiro social

§  Esta semana tamén se entregou unha vivenda en Vilagarcía de Arousa a unha familia en risco de exclusión social

§  No que vai de ano, xa se adxudicaron outras 29 vivendas a familias afectadas por desafiuzamentos ou en situación de emerxencia social

 

Santiago, 6 de abril de 2017 .- A Xunta, a través da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, aprobou unha nova proposta de adxudicación de vivenda a unha familia de Vigo en situación de emerxencia social.

 

A vivendas que se propón adxudicar á familia en situación de emerxencia social, continuando coa aplicación das 12 medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para loitar contra os desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda, foi cedida por Caixabank.

 

Unha vez que o inmoble se adxudicou pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, asinarase o contrato de alugueiro e entregaranse as chaves aos beneficiarios.

 

Por outra parte, unha familia de Vilagarcía de Arousa en situación de emerxencia social conta xa cunha vivenda adxudicada pola Xunta, unha vez que esta semana se asinou o contrato de alugueiro social e foron entregadas as chaves da mesma.

 

A familia foi realoxada nunha vivenda cedida pola Sareb ao Executivo autonómico para o seu destino a alugueiro social.

 

Por outra parte, tamén se asinou hoxe o contrato de alugueiro dunha vivenda de promoción pública propiedade do IGVS emprazada no poboado mineiro de Fontao, en Vila de Cruces (Pontevedra), así como a escritura de compravenda dunha vivenda de promoción pública emprazada en Vigo, ambas adxudicadas a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.

 

Con estas adxudicacións, a Xunta continúa ofrecendo unha alternativa a todos os afectados que o solicitan e cumpren os requisitos establecidos. No que vai de 2017 xa se realoxou a outras 29 familias en vivendas propiedade do IGVS ou cedidas por Abanca e Sareb. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola administración autonómica.

 

Ao abeiro das 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda xa foron atendidos preto de 1.200 casos en toda Galicia.