Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, reuníronse hoxe cos representantes da Plataforma de Afectados polas Hipotecas de Vigo e Baixo Miño

A XUNTA EXPLÍCALLES A ENTIDADES SOCIAIS DA ÁREA DE VIGO AS SÚAS 12 MEDIDAS PARA EVITAR OS DESAFIUZAMENTOS

- O Goberno galego atendeu máis de 1.150 afectados por desafiuzamentos ao abeiro destas iniciativas coas que realoxou na zona de Vigo 39 familias en vivendas propias ou cedidas pola Sareb e entidades financeiras.
- Heriberto García salienta a importancia do Programa de Vivendas Baleiras, xa que permite poñer a disposición das familias que o precisan, a prezo reducido, vivendas de particulares ou institucións que actualmente se atopan baleiras.
- Outra medida que se explicou nesta reunión foi o Bono de Alugueiro Social, a través do que a Xunta xa concedeu 285 axudas, das que 129 corresponden á provincia de Pontevedra
- Este bono atende as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos cunha axuda directa para o pago do alugueiro, que acada os 150, 175 o 200 euros mensuais, en función da área xeográfica na que se atope o concello.

Vigo, 27 de febreiro de 2016. A Xunta atendeu máis de 1.150 afectados por desafiuzamentos ao abeiro das 12 medidas implantadas pola Administración autonómica, segundo explicou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, nunha xuntanza con representantes da Plataforma de Afectados polas Hipotecas de Vigo, Tui e Baixo Miño, celebrada hoxe en Vigo, na que estivo acompañado polo Delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves.

Heriberto García destacou o realoxo das familias afectadas en vivendas propiedade da Xunta ou cedidas á mesma pola Sareb e as entidades financeiras, que beneficiou a un total de 39 afectados desta zona. Á meirande parte deles adxudicáronselles vivendas en Vigo (20 casos), pero tamén se produciron realoxos en Porriño, Salvaterra de Miño, Tomiño, Salceda de Caselas, Moaña, Cangas, A Guarda, Ponteareas e Mondariz. Os dous últimos adxudicatarios recibiron a semana pasada as chaves das súas vivendas, emprazadas en Vigo e Cangas.

García Porto puxo de manifesto a importancia que ten o Programa de Vivendas Baleiras para dar resposta á demanda dos máis necesitados, xa que permite poñer no mercado, a prezo reducido, vivendas propiedade de particulares, empresas ou institucións que actualmente se atopan baleiras.

Este programa ofrece garantías aos propietarios das vivendas a través dos seguros de impago e asistencia xurídica e o seguro multirrisco do fogar contratados pola Xunta de Galicia, que resultan gratuítos tanto para os propietarios das vivendas como para os concellos que se adhiren ao programa. Máis información sobre o Programa de Vivendas Baleiras: http://igvs.es/web/actuamos/861

Por outra parte, estase a traballar na normativa que rexerá o programa Rehaluga, a través do cal os propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras poderán acceder a subvencións para a rehabilitación e mantemento das mesmas. Prevese a súa publicación no Dog nos próximos meses.

Neste caso, os adxudicatarios benefícianse dos alugueiro reducidos das vivendas e, cando cumpren os requisitos, das axudas do Bono de Alugueiro Social concedidas pola Xunta de Galicia, o que supón que durante o prazo de tres anos a Xunta subvenciona ata máis do 50 por cento do custe do alugueiro, concedendo ademais unha axuda adicional de 600 euros para facer fronte aos custes do contrato, altas de servizos como luz e gas, etc.

Actualmente xa se adheriron ao programa tres concellos da zona: Ponteareas, Baiona, Gondomar e proximamente asinarase a adhesión do de Marín. O concello de Ponteareas xa aprobou e publicou a mediados de febreiro as bases polas que se rexerá o programa neste concello, polo que os propietarios de vivendas baleiras interesados en sumarse ao mesmo poden dirixirse ao concello.

Outra medida que se explicou nesta reunión foi o Bono de Alugueiro Social, un programa dirixido a atender as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos a través dunha axuda directa para o pago do alugueiro, que acada os 150, 175 o 200 euros mensuais, en función da área xeográfica na que se atope o concello. Concédese por un período de 12 meses prorrogable ata un máximo de 36 e as axudas son aplicables en todos os casos recollidos na normativa, estea ou non a vivenda incluída no Programa de Vivendas Baleiras. Ao abeiro deste programa xa se concederon 285 axudas, das que 129 corresponden á provincia de Pontevedra.

A Xunta destina en 2017 un investimento de 2,2 millóns de euros para o Bono do Alugueiro Social, o que supón un incremento do 46 por cento respecto dos fondos presupostados o ano pasado.

Cómpre lembrar que as medidas adoptadas pola Xunta co obxectivo de evitar os desafiuzamentos de vivendas ou paliar as consecuencias dos mesmos para os cidadáns de Galicia foron cualificadas pola Valedora do Pobo como “significativamente máis ambiciosas que as adoptadas por outras comunidades autónomas”.