Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DOG PUBLICA HOXE A DECLARACIÓN DE SUPRAMUNICIPALIDADE DO PROXECTO SECTORIAL DO PARQUE EMPRESARIAL DE CERCEDA (A CORUÑA)

-      Está incluído entre as medidas destinadas a potenciar a economía das zonas produtoras de carbón
-      O parque empresarial ocupará unha superficie de máis de 420.000 metros cadrados
-      O investimento total previsto para o desenvolvemento da actuación supera os 21 millóns de euros
 
Santiago, 2 de xaneiro de 2012.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de incidencia supramunicipal do proxecto sectorial do parque empresarial de Cerceda (A Coruña), tramitado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e que se atopa incluído entre as actuacións do Plan Sectorial de Áreas Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, que se atopa actualmente en redacción.
 
O proxecto sectorial do parque empresarial de Cerceda forma parte das medidas orientadas a potenciar o tecido industrial e a creación de emprego no municipio procedendo á transformación de solo necesaria para a implantación de actividades relacionadas fundamentalmente ao comercio, a industria e a almacenaxe e distribución.
 
A redacción e tramitación deste proxecto sectorial enmarcase no convenio asinado coa consellería de Economía e Industria, para o desenvolvemento de dous proxectos de desenvolvemento de solo industrial en Cerceda e nas Pontes, no marco das medidas destinadas á promoción do desenvolvemento económico alternativo das zonas mineiras do carbón, xa que Cerceda está incluída no programa Rechar (Iniciativa Comunitaria de transformación económica de zonas mineiras do carbón).
 
Por medio do dito convenio, a Consellería de Industria comprometíase a financiar con 400.000 euros o proxecto do parque empresarial de Cerceda, que resulta da ampliación do actual parque empresarial do Acevedo.
 
Segundo o proxecto sectorial, o parque empresarial de Cerceda ocupará unha superficie total de 420.643,79 metros cadrados, dos que 231.167,31 serán de uso industrial.
 
O investimento previsto para a execución do parque empresarial de Cerceda ascende, segundo o proxecto sectorial, á cantidade de 21.026.712,21 euros, repartidos como segue:
 
- Traballos técnicos: 400.000,00 euros.
- Adquisición de terreos: 3.785.794,11 euros.
- Obras de urbanización: 16.840.918,10 euros.
 
Unha vez declarada a incidencia supramunicipal comezará a tramitación do proxecto sectorial a través dos trámites de exposición pública, presentación de alegacións e avaliación ambiental ata a súa aprobación definitiva del por parte do Consello da Xunta.
 
Está previsto que unha vez aprobado definitivamente o proxecto sectorial se asine un convenio de colaboración co concello de Cerceda para que sexa o concello quen execute e financie a adquisición do solo do parque empresarial e as obras de urbanización.