Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS amplía en 10 meses o prazo para xustificar as axudas para obras de accesibilidade e conservación en vivendas ante a falta de materiais e man de obra

• A Xunta de Galicia resolve estender ata o 30 de setembro de 2022 o período de execución e xustificación destas subvencións e amplía en 1,28 millóns de euros o orzamento total asignado á convocatoria realizada o pasado mes de marzo
• O DOG publica hoxe outra resolución pola que os beneficiarios das axudas para rehabilitación e eficiencia enerxética en edificios terán ata o 30 de decembro para presentar a documentación xustificativa correspondente á anualidade de 2021
• O obxectivo é garantir e facilitar aos cidadáns o acceso aos distintos programas de rehabilitación residencial ante as dificultades detectadas no sector da construción

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021
.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de ampliar ata o 30 de setembro do ano que vén o prazo para poder executar e xustificar as obras subvencionadas con cargo ao programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas e edificios residenciais.

Así consta na resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e que permitirá ás persoas e comunidades de veciños beneficiarias destas axudas dispoñer de 10 meses máis para rematar os traballos e presentar toda a documentación correspondente. Ademais, tamén se autoriza unha nova ampliación da dotación orzamentaria da convocatoria en 1,28 millóns de euros.

A decisión do organismo autonómico, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, responde á actual situación do sector da construción, onde a falta de materiais e de man da obra está a afectar ao ritmo de traballo, atrasando o inicio das actuacións contratadas e alongando os prazos de execución.

Ante este escenario, o IGVS decidiu ampliar o prazo para executar e xustificar as obras que inicialmente fixaba a convocatoria —o 30 de novembro deste ano— co fin de facilitar o acceso dos beneficiarios aos fondos dispoñibles a través deste programa de rehabilitación residencial. No caso de actuacións finalizadas en 2021, en todo caso, a data límite de xustificación será o 30 de decembro deste ano.

O obxectivo da Xunta, en definitiva, pasa por adoptar as medidas necesarias en cada momento para garantir que as axudas que xestiona en materia de vivenda cheguen ao maior número de persoas posible. Por esa mesma razón, xa o ano pasado adaptou os prazos e mesmo chegou a suspender a tramitación dalgunhas ordes de axudas tendo en conta que a actividade ordinaria de moitos sectores se vira alterada pola Covid.

En canto á ampliación de crédito, a liña de axudas para actuacións de conservación, mellora da seguridade e accesibilidade en vivendas e edificios disporá de 1,28 millóns de euros máis para o exercicio 2022 co fin de atender o maior número de solicitudes.

Cómpre lembrar que este programa foi convocado o pasado mes de marzo cunha dotación inicial de 680.000 euros, contía que en agosto se incrementou ata chegar aos 3,39 millóns. Coa segunda ampliación de crédito publicada hoxe, o IGVS disporá dun total de 4,68 millóns de euros para repartir entre os solicitantes que reúnan os requisitos esixidos pero non implicará nin a apertura dun novo período para a presentación de solicitudes, nin tampouco a alteración do prazo máximo para resolver.

Ampliación do prazo de xustificación do PREE
Por outra banda, o DOG tamén publica hoxe unha resolución ampliando o prazo xustificativo das axudas do programa para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes (PREE), convocado en novembro de 2020 con carácter plurianual.

Debido tamén aos atrasos na obtención de determinadas subministracións necesarias para executar este tipo de obras e ante o elevado número de solicitudes recibidas —máis de un milleiro—, amplíase nun mes —do 30 de novembro ata o 30 de decembro de 2021— a data límite para que persoas e entidades beneficiarias poidan presentar ante o IGVS a documentación para xustificar a subvención.