Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta esgotará os fondos do programa de adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes coa concesión de máis dun cento de axudas

A Xunta de Galicia esgotará o crédito dispoñible para o programa de adquisición de vivenda nun concello de menos de 5.000 habitantes, coa concesión ao abeiro da convocatoria de 2021 de máis dun cento de axudas a persoas menores de 35 anos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta previsión do Instituto Galego de Vivenda e Solo, durante a súa visita á vivenda dunha parella beneficiaria dunha axuda deste programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado 1 de setembro.

Aclarou que na actualidade o IGVS xa resolveu un total de 96 expedientes, que suman un importe de 660.000 euros, e que nas vindeiras semanas se seguirán atendendo as solicitudes presentadas para adxudicar o importe restante, ata chegar aos 800.000 euros, o orzamento da convocatoria do actual exercicio.

Segundo manifestou a conselleira o éxito deste programa está avalado polos resultados recollidos desde a súa primeira convocatoria, no ano 2018, cando se concederon 24 solicitudes de axuda; mentres que “hoxe o número de beneficiarios xa se multiplica por catro”, matizou.

Ángeles Vázquez salientou que este programa cobra máis importancia se se ponderan os beneficios e obxectivos acadados, pois “estes incentivos e apoios, pequenos pero importantes” son un balón de osíxeno para axudar á mocidade a emanciparse. Indicou que coas catro convocatorias xa pechadas (2018-2020) se propiciou a formación de case 270 novos fogares en concellos pequenos e rurais, polo que este programa tamén é unha mostra da loita do Goberno galego contra o despoboamento.

Asemade, indicou que tamén se consegue un terceiro obxectivo; como é a recuperación urbanística e do patrimonio edificatorio, ao mobilizar o parque de vivendas - nova ou usada- que se sitúan nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia.

“Queremos seguir vertebrando o rural galego, que os mozos opten por estas zonas de paisaxes envexables e en concellos, como o caso de Boqueixón, que contan con todo tipo de servizos; para que -como no caso da parella que hoxe felicitou a propia conselleira- poidan criar aos seus fillos en plena natureza”; defendeu Ángeles Vázquez.

Por último, a conselleira recordou que esta liña de actuación está recollida no Pacto Social pola Vivenda promovido pola Xunta e asinado por dez entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos.