• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o
número 13 da rúa Real, onde avanzou que a próxima semana solicitará licencia ao concello para poder
licitar as obras antes de que acabe o mes
• Esta nova actuación súmase aos proxectos de rehabilitación en execución na zona alta e no
Berbés, dos que se obterán 13 vivendas e dous locais comerciais
• A Xunta de Galicia leva investido máis de 27 millóns de euros na reactivación do casco
histórico da cidade olívica, onde se rehabilitaron xa 110 vivendas desde 2005
Vigo (Pontevedra), 8 de febreiro de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou esta mañá unha nova obra de rehabilitación
residencial no Casco Vello de Vigo que permitirá obter catro vivendas e un local comercial. Durante
unha visita á zona da actuación –o número 13 da rúa Real-, a responsable autonómica explicou que o
investimento previsto para recuperar este edificio ascende a 675.000 euros.
Neste sentido, engadiu que o Consorcio do Casco Vello de Vigo, promotor da actuación,
procederá de inmediato a solicitar a correspondente licencia de obra ao Concello. Así, e sempre que
a Administración municipal cumpra cos prazos estimados, a obra estaría en disposición de poder
licitarse antes de que remate o mes de febreiro.
Ángeles Vázquez destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que
está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo
Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias
e a revitalización dunha zona histórica e degradada da cidade.
Así, desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións
de rehabilitación neste ámbito que permitiron poñer no mercado un total de 110 vivendas e 33
locais, contribuíndo deste xeito a que o Casco Vello recuperase actividade comercial e social. De
todos os inmobles recuperados, 107 xa están actualmente ocupados por outras tantas familias,
estando só tres aínda pendentes de adxudicación.
Do mesmo xeito, a conselleira de Medio Ambiente tamén se referiu ás actuacións actualmente en
marcha neste ámbito. Concretamente, lembrou as obras que se están a executar en cinco inmobles
localizados na zona alta do Casco Vello e no Berbés, cun investimento de máis de 3,8 millóns de
euros e grazas ás que 13 familias máis poderán asentarse neste barrio, ademais de obter dous novos
locais comerciais.
Pacto Social pola Vivenda
Esta aposta pola rehabilitación realizada nos últimos anos no Casco Vello de Vigo enmárcase,
precisamente, nunha das liñas estratéxicas do chamado Pacto Social pola Vivenda, un documento
asinado a finais de xaneiro entre a Xunta e nove institucións e colectivos representativos do
sector en Galicia no que se recollen case medio cento de medidas que marcarán a folla de ruta a
seguir durante os próximos cinco anos e coas que se aspira a mobilizar 1.080 millóns de euros para
axudar a máis de 70.000 familias.
Concretamente e co fin de facer máis accesible a vivenda, o Pacto daralle un novo pulo á
adquisición de vivendas protexidas con axudas de ata 20.000 euros. En canto ao alugueiro, lanzarase
a modalidade de arrendamento con opción de compra para os menores de 35 anos, reformarase o
programa de vivendas baleiras con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios, e estableceranse
novos instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para paliar a exclusión
residencial dos colectivos máis vulnerables.
En materia de rehabilitación e rexeneración dos espazos urbanos, seguirase apostando pola
recuperación de inmobles xa construídos, como no caso do Casco Vello vigués, pero tamén en núcleos
rurais e concellos con saldo demográfico negativo, para os que se porá en marcha un programa
específico que facilitará a dinamización dos núcleos abandonados.
Así mesmo, no relativo á estratexia para mobilizar máis solo residencial, primaranse aquelas
ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas e colectivos con
maiores dificultades.
Neste sentido, a conselleira lembrou que a Xunta daralle este ano un impulso definitivo ao
barrio vigués de San Paio de Navia, reservando oito millóns para as expropiacións e as obras de
urbanización, ademais de comezar coa comercialización das primeiras parcelas para que empresas e
cooperativas poidan iniciar así a edificación das aproximadamente 1.600 vivendas públicas
proxectadas neste ámbito residencial.
Así mesmo e como unha mostra máis do seu compromiso coas necesidades de Vigo, a cidade galega
con maior demanda residencial, Ángeles Vázquez tamén se referiu ás 62 novas vivendas protexidas que
se están a construír nas rúas Canicouva e Ignacio Grobas, nas que a Xunta inviste 8,4 millóns de
euros e que estarán rematadas este ano.