Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCARÁ A FINAIS DESTE MES AXUDAS DE ATA 50.000 EUROS POR VIVENDA PARA CONCELLOS QUE REHABILITEN CON FINS RESIDENCIAIS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá A Peroxa, un dos municipios que se beneficiou deste programa nos últimos anos para recuperar un total de seis vivendas, destinadas a alugueiro
• Lembra a importancia deste tipo de axudas para fomentar que as entidades locais, sobre todo as pequenas, poidan dispoñer do seu propio parque público residencial
• Trátase da quinta convocatoria desta liña de subvencións creada polo IGVS en 2017 para apoiar ás entidades locais na rehabilitación de inmobles da súa propiedade e grazas ás cales xa se actuou sobre un total de 129 vivendas

A Peroxa (Ourense), 3 de febreiro de 2021
.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocará a finais do mes de febreiro unha nova orde de subvencións dirixida a concellos que queiran rehabilitar edificacións e vivendas municipais para destinalas a alugamento social. Dotada dun orzamento global de 1,71 millóns de euros, a contía das subvencións poderá chegar ata os 50.000 euros por vivenda rehabilitada en caso de que se atope dentro dun ámbito declarado como Área Rexurbe.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou o concello ourensán da Peroxa precisamente para coñecer o resultado das obras realizadas no municipio ao abeiro deste programa e que permitiron incorporar un total de seis vivendas ao parque público municipal.

Tras lembrar que os seis inmobles adxudicaranse proximamente a seis familias en réxime de alugueiro e con condicións vantaxosas, a conselleira lembrou que para a execución destas obras na Peroxa o seu departamento achegou máis de 192.000 euros con cargo ao programa do IGVS para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres, doutros oficios e outros edificios de titularidade municipal dirixido a concellos de menos de 20.000 habitantes.

Neste sentido, subliñou a importancia deste tipo de axudas autonómicas para que as entidades locais, sobre todo as máis pequenas, poidan contar cun parque propio de vivendas públicas que poñer a disposición dos seus veciños.

Melloras e novidades
Cómpre lembrar que grazas á creación deste programa para o fomento da rehabilitación residencial no ano 2017, xa se actuou sobre un total de 129 vivendas en decenas de concellos galegos, unha medida coa que, segundo explicou a conselleira, se potencia o medio rural como lugar para vivir e pretende, á vez, servir como motor de reactivación económica para os municipios.

Este ano e en resposta ao éxito das catro convocatorias anteriores, con concellos que mesmo repetiron solicitude en varias ocasións, a orde de axudas que se convocará proximamente incorporará algunha novidade e mellora.

Concretamente, estenderase o ámbito de actuación a todo tipo de vivendas de titularidade municipal en concellos de menos de 20.000 habitantes, ampliando así o abano de inmobles nos que se poderá actuar, e ampliarase o importe máximo da axuda a percibir ata os 50.000 euros por vivenda (só en caso de que o inmoble a rehabilitar estea dentro dunha Área Rexurbe). A contía xeral será de 48.000 euros para vivendas situadas nun ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago.

Este programa de subvencións enmárcase dentro dunha das catro liñas estratéxicas coas que se asinou o pasado 20 de xaneiro o Pacto Social pola Vivenda, un documento con preto de medio cento de medidas e accións chamado a marcar a folla de ruta a seguir durante os próximos cinco anos.

Así, co fin de fomentar a rehabilitación do patrimonio construído con fins residenciais, a Xunta volve apostar por esta liña de axudas e cuxo éxito quedou acreditado pola boa acollida que tiveron entre os concellos as catro convocatorias anteriores.