Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA MÁIS DE 20.000 METROS CADRADOS DE SOLO EMPRESARIAL NOS PARQUES DE PONTE CALDELAS, CARBALLO E VIVEIRO

- Desde o ano 2015, as rebaixas aplicadas sobre o prezo de venda de terreos en parques promovidos polo IGVS ou Xestur contribuíron a colocar no mercado máis de dous millóns de metros en réxime de compravenda ou en dereito de superficie

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019-. A Xunta de Galicia acaba de adxudicar un total de 20.487,30 metros cadrados de solo empresarial nos parques empresariais de Ponte Caldelas, Carballo e Viveiro, con bonificacións por importe de preto de 257.057 euros. Así o acordou na súa última reunión o Consello de Administración de Xestur Galicia, empresa pública dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A meirande parte do solo adxudicado corresponde ao parque empresarial da Reigosa, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, onde se adxudicou unha parcela de 15.000 metros cadrados. En Carballo (A Coruña) e en Viveiro (Lugo) tamén se aprobou a adxudicación dunha parcela en cada caso, con superficies de 4.274 e 1.213 metros cadrados, respectivamente.

Grazas ás rebaixas sobre o prezo de venda do solo empresarial que vén aplicando a Xunta desde 2015, a día de hoxe adxudicáronse xa en réxime de compravenda ou en dereito de superficie máis de dous millóns de metros cadrados nos parques promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a empresa pública Xestur.

As bonificacións realizadas durante este período aproxímanse aos 48 millóns de euros, mentres que o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie supera os 13,6 millóns de euros. Deste xeito, a aposta da Xunta de Galicia por incentivar a actividade das empresas galegas pola vía do estímulo á adquisición de solo traduciuse en preto de 62 millóns de euros desde o ano 2015.

O investimento estimado que realizarán as empresas adxudicatarias de solo bonificado ou en dereito de superficie ascende a máis de 375 millóns de euros e grazas a el calcúlase que se posibilitará a creación de máis de 6.100 postos de traballo.