Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS FORMA A 30 ARQUITECTOS E APARELLADORES NOS MÉTODOS MÁIS ACTUAIS DE REDACCIÓN E XESTIÓN DE PROXECTOS CONSTRUTIVOS

• A formación, impartida co apoio da Escola Galega de Administración Pública, centrouse no sistema Building Information Modeling, unha metodoloxía que busca plasmar toda a información do proxecto nun modelo de información dixital
• Trátase do cuarto curso de formación que organiza o Instituto Galego de Vivenda e Solo para técnicos de distintos organismos e administracións públicas

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2018.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) vén de formar a unha trintena de arquitectos e arquitectos técnicos ao servizo de distintos organismos e administracións públicas nos métodos de traballo máis modernos e actuais para a creación e xestión de proxectos de construción.

O curso, que comezou a semana pasada e rematou hoxe, celebrouse co apoio e colaboración da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e estivo dirixido a profesionais ligados a organismos que supervisan proxectos e levan a xestión de obras de edificacións.

A formación ofrecida centrouse no sistema BIM (Building Information Modeling), unha metodoloxía de traballo colaborativa para a creación e xestión dun proxecto de construción, cuxo obxectivo é centralizar toda a información do proxecto nun modelo dixital fronte ao deseño tradicional, baseado no plano. Neste sentido, incorpora información xeométrica (3D), de tempos (4D), de custos (5D), ambiental (6D) e de mantemento (7D).

Este sistema é de uso obrigatorio xa nos proxectos públicos nalgúns países de Europa e en España está prevista a súa próxima implantación.

Así, o obxectivo do curso era dotar aos profesionais asistentes de coñecementos sobre a aplicación desta metodoloxía de traballo, as ferramentas informáticas necesarias, para que sirve, como afecta aos técnicos da administración, que se debería pedir nos pregos de redacción de proxecto, que documentos teñen que entregar os redactores e as principais vantaxes e inconvenientes do sistema.

Este é o cuarto curso de formación dirixido a técnicos da administración autonómica que organiza o IGVS nos dous últimos anos, tratando os tres anteriores temáticas relacionadas coa eficiencia enerxética, a construción de edificios de baixo impacto ambiental, baixo consumo de enerxía, auga, recursos e alto confort e saúde para os usuarios