Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE E O CONCELLO DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS ASINAN UN CONVENIO PARA REALIZAR MELLORAS NOS VIAIS DO POLÍGONO INDUSTRIAL POR UN IMPORTE DE 302.000 EUROS

 O Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente do departamento que dirixe Agustín Hernández, achega o 63% do custe total da actuación, que será contratada por este concello ourensán  No polígono industrial de San Cibrao das Viñas, o IGVS e Xestur Ourense teñen investido case 10,5 millóns euros, dos que preto de 3 millóns destínanse á segunda fase da Central de Transportes, actualmente en execución

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2009 .- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Elisa Nogueira, formalizaron esta mañá os termos de colaboración para levar a cabo as obras de mellora nos viais do polígono industrial emprazado neste concello ourensán. Tras a sinatura dun convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o Concello de San Cibrao das Viñas, o organismo autónomo achegará 302.000 euros para a materialización desta obra, dun total de 478.903,61 euros que custará a actuación. A Xunta de Galicia achegará a súa aportación con cargo ás anualidades de 2009 (150.000 euros) e 2010 (152.000 euros), que supoñen o 63 por cento do investimento total. Os 176.903,6 euros restantes correrán por conta do Concello, en dúas anualidades da mesma contía. O Concello tamén se encargará da contratación dos proxectos e das obras, dando conta do mesmo ao IGVS por medio das correspondentes certificacións. Nos últimos anos o polígono industrial de San Cibrao das Viñas experimentou un notable aumento da actividade industrial, o que supón un importante incremento de vehículos que circulan a diario polas estradas do mesmo. Entre o 15 e o 20 por cento deste tráfico é de vehículos pesados, o que supón unha deterioración considerable e paulatina do firme das vías e da rede de servizos, debido tamén a unha deficiente consistencia da composición do subsolo. Así, resulta necesario levar a cabo unha serie de reparacións, modificacións e limpeza nas vías de servizo, beirarrúas e rede de saneamento para mellorar o funcionamento do tráfico. Os traballos que se materializarán a cargo deste convenio recollen actuacións de movementos de terras, mellora e reposición de firmes nos viais, mellora das glorietas para evitar xiros bruscos dos transportes pesados, creación de beirarrúas nas zonas onde non existen, inspección e reparación da rede de colectores de augas pluviais e fecais, melloras nos pozos de rexistro de telefonía, saneamento, abastecemento de augas, telecomunicacións e electricidade e sinalización, balizamento e iluminación dos viais. Inversións no concello de San Cibrao No polígono industrial de San Cibrao das Viñas, o IGVS e Xestur Ourense teñen investido case 10,5 millóns de euros, dos que preto de 3 millóns destínanse á segunda fase da Central de Transportes, actualmente en execución. Mediante un convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Consellería de Industria e Comercio, a Deputación Provincial de Ourense, o Concello de San Cibrao das Viñas e Xestión Urbanística de Ourense, S.A. leváronse a cabo diferentes obras de mellora de infraestruturas do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, cun investimento total de 4.225.982 euros. Estas obras inclúen o remate do polígono e a súa conexión co parque Tecnolóxico de Galicia; cun presuposto de contrata de 1.499.285 euros. Por outra banda, a Central de Transportes en Ourense no Concello de San Cibrao das Viñas, nas proximidades do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, contou na súa primeira fase cunha inversión de 4.335.866 euros e 2.940.890 euros na segunda fase. Por último, cómpre recordar que na ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia S.A., Xestur Ourense realizará a expropiación dos terreos pendentes para a súa venda ao Parque Tecnolóxico.