Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA XA TEN 80 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA A DISPOSICIÓN DE FAMILIAS DA PROVINCIA DA CORUÑA AFECTADOS POR UN DESAFIUZAMENTO

- Distribúense nas tres áreas metropolitanas da provincia, así como noutros concellos, Esta cifra reforzarase en breve con inmobles do programa Aluga
- Agustín Hernández fixo entrega hoxe en Coirós de 9 vivendas en réxime de aluguer
- Son vivendas unifamiliares de 90 metros cadrados con 3 dormitorios, garaxe e trasteiro, que contan con calefacción, auga quente e enerxía solar térmica, co que se consegue unha maior eficiencia enerxética
 
Coirós (A Coruña), 11 de decembro de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou que a Xunta conta cun mínimo de 80 vivendas de promoción pública para axudar as familias da provincia da Coruña que se vexan afectadas por unha situación de desafiuzamento.  Sinalou que a esta cifra engadiranse de inmediato os inmoble dispoñibles ao amparo do programa Aluga. A dispoñibilidade das vivendas engloba as tres áreas metropolitanas da Coruña, así como outros concellos da provincia.
 
Así o puxo de manifesto o conselleiro esta mañá na entrega aos seus adxudicatarios de 9 vivendas en Coirós. Lembrou que o Goberno autonómico vén de habilitar unha liña de colaboración con familias afectadas por desafiuzamentos, que se basea en poñer á súa disposición de forma temporal unha vivenda nunhas condicións que poidan pagar en función dos seus recursos.
 
Trátase de axudarlle a aguantar ás familias mentres non mellore a súa situación, dándolles unha oportunidade para saír adiante. Un obxectivo que, dende o Instituto Galego da Vivenda e Solo, se estende a  toda Galicia.
 
Vivendas en Coirós
O conselleiro de Medio Ambiente entregou esta mañá 9 vivendas de promoción pública que, unha vez máis, poñen de relevo a importancia que as administracións públicas dan á vivenda.
 
Na súa opinión, as políticas de vivenda inciden directamente na calidade de vida dos cidadáns e, nestes tempos de dificultades, o dereito á vivenda adquire aínda maior relevancia, argumentou.
 
A promoción de vivendas de Coirós, na que se investiron 2,5 millóns de euros, foi iniciada no ano 2010. En total, se construíron 16 vivendas en Pedrapartida, das que hoxe se entregaron  9 a familias en réxime de aluguer. As sete restantes xa contan con adxudicatarios, que están pechando os diversos trámites necesarios para acceder aos seus respectivos pisos.
 
Son vivendas unifamiliares de 90 metros cadrados con 3 dormitorios, garaxe e trasteiro, distribuídas en dúas plantas, con calefacción, auga quente sanitaria e enerxía solar térmica, co que se consegue unha maior eficiencia enerxética.
 
O conselleiro Hernández destacou que facer vivendas a prezos bonificados, como as de Coirós, é un gran xeito de colaborar no difícil traballo de asentamento da poboación e de mellora da calidade de vida dos veciños.
 
Infraestruturas hidráulicas
A Xunta fixo fortes investimentos no concello de Coirós noutra cuestión de crucial importancia, como son as infraestruturas hidráulicas. Nos últimos catro anos destináronse 1,3 millóns de euros para o saneamento de Santa María de Ois e de Armea e, ademais, están en proceso de adxudicación as captacións e o bombeo dende o río Fervenzas, onde se investirá outros 200.000 euros para mellorar o abastecemento no concello.