Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DE GALICIA MANTERÁ AS VIVENDAS EN RÉXIME COOPERATIVO Á MARXE DO REXISTRO DE DEMANDANTES

 

- O director do IGVS precisa que só se incluirán neste rexistro os inmobles resultantes de promocións nas que o número de vivendas supera o de cooperativistas

- Antonio Boné participou esta maña na sétima xornada anual da Unión Galega de Cooperativas de Vivendas

Santiago, 25 de setembro de 2009.- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, manterá as vivendas de promocións cooperativas á marxe do rexistro de demandantes de vivenda de protección. Así o manifestou o director xeral do IGVS, Antonio Boné Pina, quen aclarou que naquelas promocións de vivendas cooperativas nas que o número de vivendas sexa superior ao numero de cooperativistas, os inmobles restantes serán ofertados a aquelas persoas que se atopen inscritos no rexistro de demandantes de vivenda protexida. 

O representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas participou esta maña na sétima xornada anual sobre vivenda, organizada pola Unión Galega de Cooperativas de Vivendas (Ugacovi), onde deu a coñecer o novo Rexistro de Demandantes, que garantirá o libre acceso á vivenda, a igualdade de oportunidades e a transparencia de todos os seus usuarios. Esta nova ferramenta baséase na axilidade e a simplicidade, fronte ao existente cheo de obstáculos que complicaban o acceso dos galegos a unha vivenda. O novo rexistro permite que os inscritos na anterior lista teñan un período transitorio para pasar do anterior documento ao novo. 

Boné destacou que dende o departamento que dirixe Agustín Hernández, estanse a levar a cabo políticas que faciliten o acceso dos cidadáns aos seus dereitos básicos como é o da vivenda, por elo a posta en marcha desta normativa simplifica e axiliza os accesos á vivenda protexida, xa sexa de promoción pública ou de promoción privada. 

A intervención pública ao servido do cidadán

Con estes cambios, a intervención pública céntrase no servizo ao cidadán co obxecto de mellorar os prazos e as tramitacións. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente controlará o fraude, polo que será inflexible no cumprimento da normativa. 

No novo rexistro os interesados pódense apuntar nun concello prioritario e en ata dous limítrofes. Ademais, a súa inclusión definitiva na lista realizarase só cando teña achegada a documentación que acredite a súa situación persoal de xeito que no rexistro estarán incluídos unicamente os interesados que cumpran as condicións. Previamente haberá un amplo proceso de asesoramento. Con estes cambios, o rexistro identificará as necesidades reais de vivenda como resultado desas inscricións. 

Normas do Hábitat

Antonio Boné explicou que o obxectivo da nova Norma do Hábitat é fixar uns espazos mínimos de calidade nas vivendas galegas, sen invadir competencias que non forman parte dunha norma deste tipo e que corresponden a outros organismos, como é o caso das competencias de planeamento, competencia da Secretaría Xeral do Territorio e Urbanismo e dos concellos.

Da mesma maneira, a anterior Norma do Hábitat establecía obrigas relacionadas co reciclado de augas grises e eficiencia enerxética, pero sen definir os procedementos para a súa execución, o que se converteu nun dos motivos para o fracaso de ditas normas, fracaso plasmado no escaso número de proxectos visados en toda Galicia despois da súa posta en vigor.

A nova Norma do Hábitat evita caer no mesmo erro, polo que ditos aspectos serán regulados por normas posteriores, específicas e nas que se establecerán claramente as obrigas que deberán cumprir as novas vivendas en materia de enerxía e tratamento de residuos.

O obxectivo final das modificacións da Norma do Hábitat é conseguir unha mellora da calidade das vivendas galegas sen incrementar innecesariamente o custe da mesmas. 

Plan de Vivenda

Por último, tamén salientou que o Plan de Vivenda 2009-2012 abre as portas dun fogar en Galicia a 50.000 familias. O representante do Goberno galego sinalou que o acordo asinado en xuño polo presidente da Xunta e a ministra de Vivenda amosa o que debe significar a cooperación institucional para os cidadáns: máis oportunidades. O convenio sobre Vivenda entre a Administración galega e o Goberno, que conta cun presuposto de 600 millóns de euros dos que a Xunta aportará unha contía de máis de 130 millóns de euros. 

Concretou que o Plan de Vivenda 2009-2012 suporá a promoción de vivendas protexidas de nova construción, para a súa venta ou alugueiro, que ampliará o aceso á vivenda protexida e que recolle diversas actuacións para a rehabilitación de inmobles.