Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta construirá nesa zona, situada no vial da Estrada, 29 vivendas de promoción pública

O INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA RECIBIU AS OBRAS DE URBANIZACIÓN DA PARCELA SUNP 13, EN SANTIAGO DE COMPOSTELA, NO QUE SE CONTRUIRON 205 PISOS DE PROTECCIÓN AUTONÓMICA

- Queda pendente de executar unha pequena parte da urbanización debido a que está afectada polas obras do corredor ferroviario. - O investimento na urbanización do solo é de máis de 3,6 millóns de euros - Para facilitar o acceso á nova urbanización, así como ao SUNP 12 e á zona de Lamas de Abade, o IGVS construíu un no de enlace baixo a estrada de Ourense cuxas obras se recibirán proximamente para ser aberto ao tráfico

  Santiago, 22 de setembro de 2009.- Técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, recibiron a urbanización do SUNP 13 “Carretera da Estrada”, en Santiago de Compostela, no que se construíron 205 vivendas de protección autonómica por parte da cooperativa “O Combarro” en virtude da concesión outorgada en 2004.

 

Os técnicos do IGVS realizaron unha recepción parcial das obras de urbanización, quedando pendentes de recepción o entorno inmediato das parcelas 4B2 e 4B3, que aínda non foron urbanizadas ao estar afectadas polas obras do corredor do tren del alta velocidade que vai executar o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias. Unha destas parcelas, a 4B2, é propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo. A súa superficie é de 922 metros cadrados, cunha edificabilidade máxima de 3.688 metros cadrados, o que permitirá a construción de 29 vivendas de promoción pública. A outra parcela, 4B3 é propiedade da Cooperativa.

O presuposto total das obras de urbanización, executadas pola Cooperativa, é de 3.687.605 euros , dos que 316.398 corresponden ás obras que quedan pendentes de executar.

O SUNP 13 desenvolveuse a partir dos convenios asinados entre o IGVS e o Concello de Santiago para a creación de solo residencial destinado a vivendas de protección autonómica e promoción pública, marco no que tamén se realizaron as actuacións de Volta do Castro, Ponte Pereda, As Cancelas-Mallou, Belvís, O Avío e Salgueiriños.

Neste solo urbanizable, emprazado entre a carretera da Estrada e a de Ourense, construíronse un total de 205 vivendas de protección autonómica, das que 53 son pisos e as restantes 152 chalés adosados. Ademais, o IGVS conta cunha parcela que permitirá a construción de 29 vivendas. Existen tamén unha parcela destinada a usos terciarios e outra para vivenda libre, ambas propiedade da Cooperativa que desenvolveu a actuación.

O SUNP 13 conta cunha superficie de 17.492 metros cadrados destinados a zonas verdes e libres, 7.288 de equipamento docente e 238,5 de equipamento sociocultural.

No de enlace

Para facilitar o acceso á nova urbanización, así como ao SUNP 12 e á zona de Lamas de Abade, o IGVS construíu un no de enlace baixo a estrada de Ourense cuxas obras se recibirán proximamente para ser aberto ao tráfico. Na construción deste no de enlace o IGVS investiu 1.077.114,39 euros.