OFERTA PÚBLICA DE ADQUISICIÓN DE INMOBLES
NOS NÚCLEOS HISTÓRICOS D
A
CORUÑA,
RIBADAVIA E TUI
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda
e Solo, adquirirá inmobles en estado de abandono ou semiabandono nos cascos vellos da Coruña,
Ribadavia e Tui, para proceder á súa rehabilitación, destinando inicialmente 1,5 millóns de euros
no presente exercicio 2021 á adquisición dos ditos inmobles. Non obstante, os fondos destinados á
adquisición de inmobles poderán incrementarse se é necesario, en virtude das dispoñibilidades
orzamentarias deste Instituto. Esta actuación enmarcase no programa Rexurbe, co que a Xunta de
Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas, e dá
continuidade á oferta iniciada en 2018.
Con tal fin, o Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca un
concurso público para que os propietarios interesados poidan ofrecerlle en venda os inmobles da súa
propiedade. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se acorda realizar a
dita oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados, neste exercicio, nos
núcleos históricos dos concellos da Coruña, Ribadavia e Tui, para a construción de edificios de
vivendas ou para a súa rehabilitación.
Os inmobles que adquira o IGVS deberán estar situados nos
ámbitos delimitados dentro dos cascos vellos dos referidos concellos, que se indican na Resolución
publicada no DOG. Ademais, as vivendas deben reunir uns requisitos mínimos que permitan:
Que as novas vivendas reúnan condicións óptimas de confort e
habitabilidade.
Que se poida construír polo menos unha vivenda por planta con, como mínimo, dúas estancias
que cumpran as condicións dimensionais establecidas nas normas de habitabilidade de vivendas.
Ter un longo de polo menos catro metros e garantido o acceso a través de espazos de dominio
e uso público.
Non estar afectadas por servidumes ou cargas que poidan facer inviable a actuación.
Estarán inscritas no Rexistro da Propiedade, e deberán ofertarse en pleno dominio.
Como novidade, poderanse aceptar, inicialmente, de xeito
condicional, ofertas referidas a inmobles que non estean debidamente inscritos ou sobre os que
pesen sancións pendentes de pagamento, ordes de execución ou derruba, e/ou calquera outra carga ou
gravame que impida a construción, a rehabilitación ou, de ser o caso, a renovación do inmoble.
Estas circunstancias deberán se emendadas no prazo de tramitación do procedemento.
Ademais, o custe de adquisición non poderá superar o valor
de mercado do inmoble nin un valor máximo que se calculará coas fórmulas e parámetros incluídos na
resolución para cada rúa ou zona.
O IGVS seleccionará os inmobles a adquirir conforme os
criterios fixados na resolución, entre os que destacan a concorrencia, no seu caso, de determinadas
circunstancias que aconsellen a súa adquisición con carácter prioritario, como son:
Edificios que teñan valores arquitectónicos ou ambientais
especiais que aconsellen a súa recuperación.
Edificios cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da
zona onde estea situado.
Ofertas que prevexan a recuperación dun rueiro completo de máis de tres inmobles,
ou
Edificios que faciliten notablemente ou fagan viable a construción, rehabilitación ou
renovación doutros inmobles propiedade do IGVS.
Os propietarios interesados en vender os seus inmobles
dispoñen ata o día 9 de xullo de 2021 para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda
e Solo, así como a documentación relacionada na resolución.