Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Compra » Axudas para a Adquisición de vivenda nos centros históricos

Axudas para compra de vivenda en centros históricos

Obxecto das axudas

Estas subvencións teñen como obxecto axudar ás persoas mozas (menores de 35 anos) a afrontar a emancipación e o acceso a unha vivenda en propiedade, así como revitalizar e poñer en valor os centros históricos.

Entenderase por centros históricos aqueles ámbitos enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13 ter, do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo de 2018).

Persoas beneficiarias das axudas

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes requisitos:

  • Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.
  • Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM.

Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

    • Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.
    • Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%

  • Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
  • Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

Requisitos das vivendas

As vivendas subvencionadas deberán reunir os seguintes requisitos:

  • Deben ser vivendas adquiridas a partir do 1 de xaneiro de 2019 mediante contrato privado ou escritura pública de compravenda.
  • Que se trate de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, nos termos indicados no ordinal segundo g).
  • Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
  • Que o prezo de adquisición da vivenda non supere os seguintes límites:
    • No caso de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico dos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo: non pode superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior (1.773,72 €), computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2% no suposto de dispoñer de rocho.
    • No caso de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior: non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia (1.364,40 €), computando unha superficie útil de 120 m2, e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2% no suposto de dispoñer de rocho.

REXISTRO DE DEMANDANTES

O Instituto Galego de Vivenda e Solo creou o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia co que se pretende ter información rigorosa sobre a demanda de vivenda protexida e permitirá evitar irregularidades na compravenda de vivenda protexida.  É CÓMODO xa que a consellería pode incluirte no sorteo de cada promoción que se axuste á túa solicitude; EFICAZ, porque permite coñecer a demanda real de vivenda protexida; e TRANSPARENTE, na adxudicación da vivenda.