Inicio

Xunta de Galicia

INFRAVIVENDA

AXUDAS PARA REHABILITACIÓN DE INFRAVIVENDAS

As Áreas de Rehabilitación teñen por obxecto a intervención sobre un conxunto de edificacións con usos residenciais que se atopan en situación de deterioro, tanto no medio urbano coma no rural, para os efectos de mellorar a habitabilidade das vivendas situadas nos centros urbanos, conxuntos históricos, cuarteiróns, ou barrios, municipios rurais ou núcleos singulares, de tal xeito que melloren a calidade de vida dos seus habitantes, satisfagan as necesidades de vivenda da cidadanía e supoñan unha recuperación do patrimonio edificado e de espazos urbanos ou rurais.

No marco do Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda, a Xunta de Galicia destinará este ano 300.000 euros a axudas a concellos de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia que habiten, en condición de propietarios, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

Esta subvención tamén terá por obxecto permitir a estes concellos rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia das unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas convocatorias.

Poderanse subvencionar obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade. Estas actuacións poden afectar a elementos exteriores, ás condicións estruturais e de seguranza, á habitabilidade e accesibilidade da edificación ou vivenda.

 

CONVOCATORIAS

As axudas para infravivenda convocáronse mediante a Orde do 26 de decembro de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de xaneiro de 2018.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 1 de xuño de 2018, salvo esgotamento previo do crédito.

REQUISITOS PARA PARTICIPAR NESTE PROGRAMA
  • Solicitantes das axudas
    • Concellos de menos de 10.000 habitantes. 
  • Condicións dos ocupantes das vivendas
    • Para acceder a estas axudas os ingresos dos propietarios que habitan a vivenda non poderán superar unha (1) vez o IPREM, ponderándose en función do número de membros da unidade familiar.
    • Será requisito necesario para a concesión da axuda que algún membro da unidade de convivencia sexa propietario/a da vivenda obxecto da actuación e, así mesmo, que ningún membro da unidade de convivencia sexa propietario/a doutra vivenda en todo o territorio nacional. Este requisito non será de aplicación no suposto de actuacións en edificacións ou vivendas do patrimonio municipal. 
  • Condicións das actuacións
    • Todas as actuacións a realizar deberán axustarse á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.
    • As actuacións subvencionables non poden estar iniciadas no momento da presentación da solicitude.
    • O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de seis meses.
    • O custe total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
CONTÍA

As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por edificación. A solicitude da axuda deberá realizala o concello, que garantirá a dispoñibilidade de fondos para cubrir o 5 por cento adicional do presuposto necesario para a actuación prevista. 

CONSULTA DO REXISTRO

O eServizo de consulta do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida vaiche permitir acceder á información do teu expediente. Para empregalo só necesitas inserir o teu NIF e coñecer o número de expediente.