Obxecto das axudas
Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000
habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as
demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á
residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o
indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem).
Actuacións subvencionables
Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións
e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de
funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de
habitabilidade poderanse contemplar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas
radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Concellos beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes
requisitos:
- Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as cifras
oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística e
correspondente ao día 1 de xaneiro do ano de cada convocatoria.
- Contar cun número de persoas demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes
de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello, cando menos igual ao de vivendas
para as cales se solicita axuda .
- Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do
exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación
estivera vencido
- Estar adherido ou en proceso de adhesión, ao Convenio de colaboración entre o Instituto Galego
da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o
desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación,
aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015 – 2020 ou á norma que o substitúa..
Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos
supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Contía
As axudas poderán acadar ata o 90% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso
poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada ou de 48.000 euros, no caso de
vivendas situadas no ámbito histórico ou dos camiños de Santiago
Adxudicación
As vivendas serán adxudicadas en réxime de alugamento entre as persoas inscritas no concello,
conforme ao procedemento establecido no Programa de Vivendas Baleiras, derivado do citado convenio
de colaboración enre o IGVS e a Fegamp ou da norma que o substitúa.
Prazo de presentación de solicitudes para o exercicio 2020.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de abril de 2020, salvo
esgotamento previo do crédito.