Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Realoxos » Programa de Vivendas Baleiras

Realoxos

PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS

 

O Programa de Vivendas baleiras permitirá, grazas ao convenio asinado entre o IGVS e a Fegamp, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.permitirá, grazas ao convenio asinado entre o IGVS e a Fegamp, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte do IGVS e sen custe para os propietarios, as seguintes coberturas:

  1. Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.
  2. Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual. A garantía do cobro das rendas impagadas non poderá superar o período máximo de doce mensualidades.
Estas coberturas serán efectivas durante o tempo en que as vivendas permanezan arrendadas ao abeiro deste programa.
 
Concellos
Poderán acollerse a este programa os concellos que asinen o acordo de adhesión anexo ao convenio coa Fegamp. Os concellos adheridos proporán ao IGVS a incorporación ao programa de vivendas baleiras da súa propiedade ou de terceiros, sempre que estean libres de cargas e gravames que impidan o seu arrendamento, ser conformes coa lexislación que lle sexa de aplicación, incluída a urbanística, estar desocupadas e ser susceptibles de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa.
 
As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio
 
Os concellos tamén proporán o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas respectando, en todo caso, os requisitos e prioridades sinalados no convenio coa Fegamp.
 
Demandantes
Os demandantes de vivendas incorporadas ao Programa de Vivendas Baleiras deberán cumprir os seguintes requisitos:
 
  • Atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro no mesmo municipio.
  • Acreditar a percepción duns ingresos mínimos ou de axudas, públicas ou privadas, que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento.
  • Non ter parentesco por vínculo de matrimonio ou outra relación estable análoga, por consanguinidade ou adopción, ata segundo grado, coas persoas arrendadoras. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a persoa arrendadora e a persoa arrendataria, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios, das súas socias ou partícipes.

 

Colectivos preferentes

Terán preferencia na adxudicación das vivendas deste programa quenes pertenzan a un dos seguintes colectivos:

  • Unidades familiares ou de convivencia afectadas por procedementos de execución hipotecaria, sen necesidade de que exista unha resolución xudicial de finalización do citado procedemento xudicial.
  • Unidades familiares ou de convivencia afectadas por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago de rendas da súa vivenda habitual.
  • Unidades familiares ou unidades de convivencia con fillos menores, así como familias numerosas e familias monoparentais con fillos a cargo.
  • Unidades familiares ou de convivencia nos que existan mulleres vítimas de violencia de xénero, sempre que o documento acreditativo da situación de violencia fora adoptado ou emitido nos 12 meses inmediatamente anteriores a data de presentación da solicitude da vivenda. Así mesmo, será preciso que a orde de protección ou a medida cautelar estean vixentes.
  • Unidades familiares ou de convivencia nos que existan persoas maiores de 65 anos ou persoas dependentes.
  • Unidades familiares ou de convivencia nas que existan persoas que foran beneficiarias de axudas ao aluguer de programas xestionados polo IGVS e que, unha vez vencido o período máximo de percepción das mesmas, permanezan nunha situación de desprotección ou especial vulnerabilidade.
  • Unidades familiares ou de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
Os concellos tamén poderán adxudicar as vivendas incorporadas ao Programa de Vivendas Baleiras a aquelas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan subscritos convenios de colaboración co IGVS no marco de programas de acceso á vivenda, para ser destinadas aos colectivos sinalados anteriormente.
 
Renda máxima

As propostas de adxudicación deberán incluír a renda da vivenda, que non poderá superar os seguintes importes:

  • 350 € para as vivendas situadas nos concellos de zona territorial de prezo máximo superior.
  • 300 € para as vivendas situadas na zona territorial 1.
  • 250 € para as vivendas situadas no resto de concellos, zona territorial 2.

O convenio terá vixencia para o período 2016-2019, prevendose que nese período se poidan beneficiar das axudas 600 vivendas, cun investimento por parte do IGVS de 690.000 euros.

 
Zona territorial
Concellos
Prezo máximo superior
A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra
Zona 1
Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.
Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, e Viveiro.
Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.  
A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Zona 2
O resto de concellos de Galicia

 

 
 

AXUDÁMOSCHE A ALUGAR

O Instituto Galego de Vivenda e Solo considera a dinamización do mercado do aluguer un dos seus obxectivos prioritarios. Por isto mantén unha serie de medidas que axudan, ao demandante de vivenda de aluguer, a satisfacer as súas necesidades de vivenda.