Este programa de axudas ten como obxecto subvencionar o alugamento de vivendas para as vítimas
de violencia de xénero no ano 2021, así como a prórroga destas axudas para todas as persoas que
resultasen beneficiarias deste programa nos anos 2019, 2020 e 2021, con financiamento do Pacto de
Estado contra a violencia de xénero.
As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de
abril de 2019 publicadas no Diario Oficial de Galicia (en adiante, DOG) núm. 78, do 24 de
abril.
Persoas beneficiarias
- 1. Poderán ser beneficiarias da concesión inicial deste programa as seguintes unidades de
convivencia:
- a) As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de
dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de
explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de
dominación.
- Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por
interpósita persoa, con resultado de norte.
- b) As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero,
calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia
económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
- 2. Poderán ser beneficiarias da prórroga da axuda prevista no artigo 8 das bases reguladoras
aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a
oportuna resolución, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2021 e cumpran os requisitos
previstos no ordinal 5º.3 desta resolución. O cómputo dos ingresos e a comprobación dos datos
necesarios para a concesión da prórroga realizarase conforme ao establecido nesta resolución. A
duración máxima da axuda, incluídas as prórrogas, non poderá exceder dos tres anos nin, en todo
caso, do 31 de decembro de 2022, data de fin da vixencia do Pacto de Estado contra a violencia de
xénero.
Requisitos das persoas beneficiarias
Os establecidos no artigo 3 das bases reguladoras.
Contía da axudas
O importe mensual desta axuda terá as seguintes contías:
- 225 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se
refire o apartado 1.a) do artigo 4 das bases reguladoras (renda mensual máxima de 450 euros).
- 200 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se
refire o apartado 1.b) do artigo 4 das bases reguladoras (renda mensual máxima de 400 euros).
- 175 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se
refire o apartado 1.c) do artigo 4 das bases reguladoras (renda mensual máxima de 350 euros).
O importe mensual da axuda non poderá ser superior á renda da vivenda.
Ademais, poderáselle conceder á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, para o suposto da
inmediata formalización dun contrato de alugueiro, para os efectos de atender as obrigas derivadas
da constitución de fianza e da alta en subministracións. O importe desta axuda non poderá superar
os 600 euros e concederase unha única vez.
Asemade, a Resolución do 26 de febreiro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á
do Programa de bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para vítimas de
violencia de xénero (DOG número 42 do 3 de marzo de 2021) establece para todas as persoas
beneficiarias do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para vítimas de
violencia de xénero a concesión directa dunha axuda polo importe da renda mensual do contrato de
alugamento cunha duración máxima de doce meses (de xaneiro a decembro de 2021), coas limitacións
que se establece na antedita resolución.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 10 de decembro de 2021.