Inicio

Xunta de Galicia

AXUDAS PARA REHABILITACIÓN DE VIVENDAS E EDIFICIOS DE VIVENDAS

AXUDAS A PARTICULARES E COMUNIDADES DE PROPIETARIOS

Préstamos subvencionados para rehabilitación

Poderán solicitalos ante Abanca, Caixabank, Caixa Rural e Banco Sabadell tanto particulares como comunidades de propietarios. A contía máxima será de 30.000 € para préstamos persoais e de 60.000 € para préstamos hipotecarios. O apoio económico da Xunta poderá cubrir ata o 100% dos xuros do préstamos durante un período de 48 meses, variando o alcance da axuda en función dos ingresos dos solicitantes. O préstamo poderá destinarse tanto ás vivendas particulares como aos elementos comúns das comunidades.

Rehabilitación edificatoria

 Son axudas destinadas a fomentar as obras e traballos de mantemento nas instalacións e nos espazos comúns dos edificios de vivendas. A contía máxima da subvención é do 35% do orzamento, cun máximo de 11.000 € .

Instalación de novos ascensores

Subvencións para mellorar a accesibilidade aos edificios de vivendas, dúplex e vivendas unifamiliares mediante a instalación de novos ascensores e aparellos salvaescaleiras. A contía máxima da axuda é do 60% do investimento e o importe máximo será de 4.500 euros en vivendas unifamiliares e de 35.000 en edificios residenciais colectivos, dependendo do número de vivendas e do seu emprazamento.

Áreas de rehabilitación integral

Axudas a propietarios para rehabilitación de vivendas e a concellos para urbanización de espazos urbanos e oficinas de rehabilitación, todos eles situados dentro dunha Área de Rehabilitación Integral. A contía máxima desta axuda será de 15.000€ por vivenda, cun máximo do 45% do orzamento.

Poderán solicitalas tanto particulares como comunidades de propietarios.

Vivendas do Camiño

Axudas destinadas a financiar a rehabilitación en edificios e vivendas situadas no ámbito da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago. A contía máxima desta axuda pode alcanzar 15.000 € cun máximo do 45% do orzamento. Poderana solicitar tanto particulares como comunidades de propietarios para financiar actuacións en elementos comúns.

Rehabilitación en núcleos rurais e en conxuntos históricos

Dirixidas aos promotores de obras de rehabilitación en vivendas emprazadas en núcleos rurais, históricos ou nos Camiños de Santiago.

Subvencionan ao remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas. Estas axudas, que poderán solicitar tanto particulares como comunidades de propietarios teñen unha contía máxima do 50% do orzamento e poden chegar ata 6.600 € para remate de fachadas, cubertas e rehabilitación e a 8.600 € para obras de reconstrución.

Programa Rehaluga

Axudas dirixidas aos propietarios que realicen melloras en inmobles para incorporalas ao Programa social de Vivendas Baleiras. A contía máxima desta axuda alcanza os 5.500 € no caso de vivendas unifamiliares e de 4.000 € para as situadas en edificios.

Reparación e mellora de vivendas de promoción pública

Axudas a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para rehabilitación e mellora dos elementos comúns dos edificios cun alcance máximo do 60% do investimento da obra.

Infravivenda rural

Os propietarios de infravivendas en concellos de menos de menos de 10.000 habitantes poden beneficiarse de axudas de ata 15.000 €.

Debe solicitalas o concello (ver "axudas a concellos")

AXUDAS A CONCELLOS

Fondo de cooperación para a rehabilitación

Os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán acceder a préstamos sen xuros destinados a adquisición e/ou rehabilitación, incluindo obras sobre edificios en mal estado nos que os seus propietarios non atenden as correspondentes ordes municipais. O fondo está dotado con 10 millóns de euros.

Rehabilitación das antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal

Axudas a concellos de menos de 20.000 habitantes dirixidas á recuperación de vivendas de mestres, outros oficios e outros inmobles de titularidade municipal para o seu destino a alugueiro social. A contía máxima da axuda será do 90% do orzamento das obras, cun máximo de 40.000€ por vivenda rehabilitada e 48.000€ se está situada no ámbito do Camiño de Santiago.

Infravivendas rural

Axudas, a concellos de menos de 10.000 habitantes, dirixidas á rehabilitación de vivendas sen condicións mínimas de habitabilidade propiedade de particulares ou do propio municipio. A contía máxima desta axuda é o 95% do investimento, cun límite máximo de 15.000 €.

Áreas de rehabilitación

Por cada vivenda rehabilitada na área de rehabilitación o concello pode recibir 4.000 € (2.000 para obras de urbanización e reurbanización no ámbito da mesma e 2.000 para a oficina de rehabilitación)

Documentos relacionados

Documentos relacionados

CONSULTA DO REXISTRO

O eServizo de consulta do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida vaiche permitir acceder á información do teu expediente. Para empregalo só necesitas inserir o teu NIF e coñecer o número de expediente.