Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Rehabilitación » Áreas de rehabilitación integral (ARI) » Que son as Áreas de Rehabilitación Integral?

ÁREAS DE REHABILITACIÓN

Que son as Áreas de Rehabilitación Integral?

As Áreas de Rehabilitación conforman a base principal das actuacións de rehabilitación en contornos urbanos por parte do IGVS. Para isto é fundamental a colaboración dos concellos.

As Áreas de Rehabilitación teñen por obxecto a intervención sobre un conxunto de edificacións con usos residenciais que se atopan en situación de deterioro, tanto no medio urbano coma no rural, para os efectos de mellorar a habitabilidade das vivendas situadas nos centros urbanos, conxuntos históricos, cuarteiróns, ou barrios, municipios rurais ou núcleos singulares, de tal xeito que melloren a calidade de vida dos seus habitantes, satisfagan as necesidades de vivenda da cidadanía e supoñan unha recuperación do patrimonio edificado e de espazos urbanos ou rurais.

Declaración:
As Áreas de Rehabilitación Integral declararanse por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a petición dos concellos interesados en que se declare unha área no seu territorio.
Poderán tamén declararse de oficio polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, cando a área comprenda máis dun concello e motivos de interese arquitectónico, cultural ou social así o aconsellen.

Procedemento:
O procedemento de declaración a instancias do concello iniciarase mediante unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de acordo do concello que aproba a solicitude da declaración de área de rehabilitación integral conforme a clasificación prevista no artigo seguinte.
b) Delimitación do ámbito proposto, determinación do planeamento vixente e parámetros urbanísticos polos que está afectada a área proposta.
c) Compromiso do concello para crear ou manter una oficina municipal de rehabilitación, con medios suficientes, para a xestión e o impulso de actuacións de rehabilitación no ámbito.
d) Memoria explicativa na que se recollan os seguintes extremos:

1) Obxectivos que se pretenden coa declaración proposta e indicadores de seguimento que permitirán analizar os mesmos. 
2) Relación das rúas comprendidas dentro do ámbito.
3) Número total de edificios e vivendas no ámbito.
4) Número de edificios e vivendas susceptibles de rehabilitación.
5) Análise do proceso de degradación física, social e ambiental que clarifique a necesidade da declaración de Área de Rehabilitación Integral proposta, tales como o envellecemento demográfico, perda de poboación, abandono de actividades económicas ou baixo nivel de ingresos das persoas residentes.
6) Avaliación do nivel de deterioro de edificios e vivendas no ámbito.
7) Avaliación do custo estimado das actuacións de rehabilitación previstas de edificios e vivendas.
8) De ser o caso, proposta de actuacións de urbanización – reurbanización para impulsar a rexeneración do ámbito e avaliación dos seus custos.
9) De ser o caso, plan de realoxo temporal a súa programación e custo económico.
10) Planos xeoreferenciados coa delimitación da Área de Rehabilitación Integral solicitada. Escala 1:500.

Clases de Áreas de Rehabilitación Integral:

Áreas de rehabilitación integral xerais:
Son as áreas de rehabilitación integral que non pertenzan a ningunha das categorías consideradas nos apartados seguintes.  Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter como mínimo 50 vivendas.

Áreas de rehabilitación de conxuntos históricos:
Son as áreas de rehabilitación integral que comprendan un ámbito que teña declaración de Ben de Interese Cultural e conte cun plan especial de protección. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter como mínimo 50 vivendas.

Áreas de rehabilitación rurais:
Son as áreas de rehabilitación integral que se declaren en concellos menores de 5.000 habitantes e a súa configuración sexa predominantemente rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter como mínimo 20 vivendas.

Por orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderán modificarse os límites mínimos de vivendas de cada clase, sempre que as características do ámbito que se vai delimitar así o xustifiquen debido ás características tipolóxicas das edificacións que conforman o ámbito, ao interese arquitectónico específico do conxunto, ao grado de deterioración das edificacións unido a baixos niveis de renda dos titulares das vivendas ou á extensión do ámbito catalogado polo planeamento.

No suposto de que se pretenda declarar unha área de rehabilitación integral para acollerse ao financiamento estatal dos plans de vivenda, deberán cumprirse os límites mínimos de vivendas e demais requisitos establecidos no correspondente real decreto regulador do plan.

BIBLIOTECA DE LEXISLACIÓN

A biblioteca virtual de lexislación e normativas do Instituto Galego de Vivenda e Solo contén a maioría da normativa relacionada coa vivenda e o solo empresarial. Poderás consultala filtrándoa polo tema que che interese, segundo o tipo de normativa que busques, polo estado no que se atopa ou polo tipo de disposición de que se trate.